martes, 19 de xaneiro de 2016

DESFEITA NA SERRA DA GROBA

ARARON O CAMPO GRANDE.






AGRESIÓN AO PATRIMONIO NATURAL NA GROBA

Estes días atrás poidemos comprobar como as agresións ao patrimonio natural da Serra da Groba seguen a darse e non sabemos como, nestes tempos nos que estamos, aínda se poden levar a cabo accións tan agresivas co medio, a pesares de ser, teoricamente, especialistas os que deseñan ditas accións, e aos que se lle supón un grao de coñecemento sufuciente e especializado. Non sabemos, e por eso preguntamos , como e por que se aran superficies tan extensas de terreos sensibles, nos que está acreditado que nos solos turbosos deste espazo natural desenvólvense dúas comunidades vexetais que están consideradas como "prioritarias" pola lexislación comunitaria: os cervunais (código 6230) e as carrasqueiras húmidas atlánticas (código 4020). Ademais de formacións de turbeira e outros hábitats incluídos na Directiva 42/93/CE?
Como se ara na dirección da pendente e a tanta profundidade para plantar piñeiros e freixos nun lugar no que as secas estacionais van facer que alomenos os freixos sequen?. Que necesidade ten a CMM de Mougás de plantar piñeiros nas zonas dos nacentes de augas que, asemade, teñen valores vexetais que debería protexer? Por que se fai un peche tan extenso con postes e arame en lugares que non deberían estar pechados, dado o seu interese patrimonial? Por que se arou por riba das pedras e as laxes, en lugares nos que as árbores non se van a dar, rachando laxes e o solo transformando a paisaxe? Por que se pecha polo medio unha poza que ten un grande interese natural, situada nunha chanciña, nun alto con fermosas vistas? A tanto chega o sentimento de propiedade que hai que cercalo con arame para que se saiba ben ata onde chega Mougás e onde comeza Baíña? Que proveito tiran os veciños comuneiros de Mougás con esta acción que deturpa a paisaxe e estropea a contorna? Que beneficio económico van sacar os comuneiros de Mougás con esta prantación? Cal é o beneficio social, ecolóxico e natural de esta intervención que custou, segundo o cartel que está tirado no chan , 71.369,54 € e dos cales se subvencionarón, é dicir, pagamos todos 37.526,81 €?
Con tódolos respectos para a xente que traballa no monte e que tenta pór en valor as grandes superficies que temos na Serra da Groba, non entendemos certas actuacións nen as compartimos. Respectamos os bos traballos e as intervencións que coidan o monte. Respectamos as comunidades que con grande esforzo tentan xestionar o monte e tirar proveito para as súas comunidades, sempre e cando o fan con respecto por os valores naturais que tamén son patrimonio de todos/as, facendo compatibles os usos sociais e naturais cos das explotación forestais e do patrimonio cultural, as da fauna e a paisaxe. Non podemos comprender, neste caso, a actuación no Campo Grande, nunha zona que con un pouco de intelixencia, consideramos non debía ter sido arada destruíndo e/ou alterando gravemente a vexetación protexida pola lei e os acuíferos que van a ser alterados polos regos a xeito de drenaxe artificial. Non entendemos que non se deixe unha entrada para as persoas para poder visitar o Cortello do Porco, e se cerque todo con arame. Non entendemos que se peche ao medio unha poza, aínda que o linde natural da parroquia pase por aí. Non vemos esa necesidade, e ise gasto en materiais, para un proveito dificil de imaxinar.
Pórlle arames ao monte e arar as carrasqueiras e humedais non o consideramos nin produtivo, nin necesario e parécenos un destrago de diñeiro público que, neste caso serve máis para destruír que para crear riqueza. A biodiversidade e a maior riqueza que temos e isa non ten prezo, si ten moito valor e non podemos tentar comerciar ou xogar irresponsablemente con ela, a pesares de que os léxitimos donos da terra así o decidiran, sexan estes comuneiros, enxeneiros ou políticos. Tanto ten. Os erros non saben de títulos nen de cargos, as consecuencias pagámolas todos, agora e mañán, nós e os que veñan despois de nós.
Con moita door, pesar e respecto polos veciños de Mougás, así e dese xeito, non. Non ás desfeitas na Groba.
19 de xaneiro de 2016
SOS GROBA




Ningún comentario:

Publicar un comentario